Fíos de cores: Tecer amodo nun mundo que corre demasiado

Fíos de cores: Tecer amodo nun mundo que corre demasiado

🧵 ORIXE E HISTORIA

A: Aínda que xa coñezo a orixe e a historia de Fíos de Cores, gustaríame que foses ti quen a contase. Por que Fíos de Cores? Quen está detrás e como naceu realmente esta aventura?

Resposta:

Sempre digo que Fíos de Cores naceu por casualidade. Nese momento non estaba buscando crear un proxecto nin obter un rendemento económico, era simplemente un hobby, unha forma de distraerme.

Sempre fun unha persoa moi creativa. A creatividade estivo presente na miña vida desde pequena, e eu facía estas cousas por gusto. Co tempo, as miñas amigas e persoas próximas empezaron a dicirme que compartise o que facía, que mostrase as pezas porque pensaban que podían interesarlle á xente.

E así foi como naceu Fíos de Cores.

Aínda que xurdiu de maneira espontánea, desde o principio tiven claro que quería transmitir algo máis. Non quería que quedase só nunha conta pequena que seguisen a miña nai, a miña avoa e as miñas amigas. Quería falar da nosa cultura, das nosas raíces e do territorio que me rodea, que sempre foi unha gran fonte de inspiración.

Sobre o nome, tiña claro que debía aparecer a palabra «fíos», porque o ganchillo e a costura forman parte do que fago. Pero tamén me gustaba a idea dos fíos como algo que nos conecta co rural, coa nosa cultura, coa nosa identidade e coa xente. Despois pensei nas cores, que sempre estiveron moi presentes nas miñas creacións, e de aí xurdiu o nome.

O logo foi evolucionando co tempo. Quería que transmitise a esencia da marca, e finalmente apareceron esas folliñas que hoxe forman parte da identidade visual de Fíos de Cores e que representan moi ben todo o que quero comunicar.

A: En que momento pasou de ser unha afección a converterse nun proxecto empresarial? Houbo algún momento no que pensaches: «isto pode converterse en algo máis grande»?

Resposta:

Non houbo un momento concreto.

Todo foi bastante por casualidade, pero si que desde o principio tiven consciencia de que podía chegar a ser algo máis. Sempre fun construíndo a marca cunha intención detrás e cunha mensaxe clara: Poñer en valor a creatividade, a artesanía e o comercio local e rural, mantendo sempre unha conexión coas raíces e co territorio do que formo parte.

A: Que foi o máis difícil dos comezos?

Resposta:

Hai dúas cousas que recordo especialmente.

Por unha banda, toda a parte administrativa: facturación, impostos, ser autónoma... Cando me chegou o primeiro trimestre foi como darme contra unha parede. Creo que son cousas para as que a xente nova non está preparada e que deberían explicarse moito máis.

Por outra banda, o medo. O medo a competir cunha industria baseada na produción masiva e nos prezos moi baixos. Ao principio sentía certa inseguridade porque é imposible competir cun produto que custa tres euros.

Por sorte, tamén hai moita xente que aposta polo local, que entende o valor do traballo artesanal e que aprecia todo o que hai detrás dunha peza feita a man.

A: Se puideses volver ao momento no que empezaches, que lle dirías áquela versión de ti mesma?

Resposta:

Diríalle que non apartase esa parte creativa de si mesma.

Durante moito tempo parece que o único camiño posible é estudar, facer unha carreira, un máster e conseguir un bo traballo. E ás veces deixamos os proxectos creativos como algo secundario.

Eu diríalle que siga creando, experimentando e equivocándose. Que hai espazo para isto e que tamén pode converterse nunha profesión.

A: Se tiveses que resumir a esencia de Fíos de Cores en tres palabras, cales serían?

Resposta:

Creatividade, comercio local / rural, e raíces.

🧵 O LEGADO FAMILIAR

A: Na túa historia falas moito da túa nai e da túa avoa. Que aprendizaxe delas segue máis presente no teu traballo?

Resposta:

Eu nacín rodeada destas cousas.

Miña avoa dedicouse profesionalmente á costura. Daba clases, confeccionaba roupa e facía arranxos. Miña nai tamén foi sempre unha persoa moi creativa. Na casa era habitual ver bordar, coser ou facer encaixe.

Cando medras vendo iso todos os días, acabas entendendo o valor das cousas feitas a man e todo o traballo que hai detrás delas.

Sempre fomos vistas como as creativas da familia. De feito, cando abrín a tenda, moita xente dicíame: «se xa con oito anos estabas facendo pulseiras».

Creo que sen elas eu non estaría aquí.

🧶 A IDENTIDADE VISUAL DE FÍOS DE CORES

A: A páxina web, os debuxos, as cores e os iconos forman unha identidade moi recoñecible. Como foi ese proceso?

Resposta:

A primeira páxina web fíxena eu mesma, pero cando o proxecto comezou a medrar decidín confiar nunha profesional da Costa da Morte, Pasarela 48, especializada en branding e deseño web.

Eu tiña bastante clara a identidade visual que quería transmitir: o logo, as cores e a estética xeral da marca.

Os debuxos e ilustracións xurdiron grazas a unha ilustradora da zona, @wolfieposey en Instagram, que coñecín porque me fixera un encargo. Gustáronme moito e decidín incorporalos á web, ás pegatinas e a outros elementos da marca.

Ao final foi un proceso no que tamén quixen apostar por xente de aquí, por talento local, e construír unha identidade que estivese moi ligada ao territorio.

🪼 ATLÁNTICO, TERRITORIO E INSPIRACIÓN

A: A Costa da Morte e o Atlántico aparecen constantemente no universo de Fíos de Cores. Que representa para ti esa paisaxe?

Resposta:

Sempre digo que teño moita sorte de nacer onde nacín.

Todo isto xurdiu de maneira moi natural. Moitas das pezas levan nomes de praias da Costa da Morte porque me parecía unha forma bonita de darlles visibilidade e de conectar a marca co territorio.

Ás veces a xente cóntame que unha peza leva o nome da súa praia favorita ou dun lugar moi especial para eles, e iso paréceme algo moi emocionante.

A: Cres que o lugar no que vivimos condiciona a nosa forma de crear?

Resposta:

Si, completamente.

Fíos de Cores non tería sentido nunha gran cidade onde todo vai rápido.

Aquí a vida segue outros ritmos. A xente planta, cultiva, espera. Hai unha relación diferente co tempo.

E a artesanía tamén é iso: un proceso lento, afastado da produción masiva.

Por iso considero que este proxecto só podía nacer aquí, no lugar onde crecín.

🕒 FUTURO

A: Acabas de abrir unha tenda física. Como está sendo a experiencia?

Resposta:

A acollida está sendo incrible.

Desde o primeiro día entrou moita xente para preguntar, mercar, facer encargos e interesarse polos cursos. Está sendo moi emocionante.

A: Que mensaxe lle darías ás persoas que están lendo esta entrevista sobre a importancia de apoiar o comercio local?

Resposta:

Que aposten polo comercio local.

Porque se o local desaparece, desaparecen tamén os barrios, os pobos e as aldeas.

Ás veces non somos conscientes do valor que teñen estas pequenas iniciativas ata que as perdemos.

A: Como ves o futuro da artesanía?

Resposta:

Son optimista.

Creo que cada vez hai máis interese e máis persoas que valoran o traballo artesanal.

Tamén penso que as redes sociais contribuíron a cambiar a percepción da artesanía. Antes asociábase máis a algo antigo ou afastado, e agora vese dunha forma máis próxima e contemporánea.

O importante é seguir transmitindo esa mensaxe e conseguir que cada vez máis xente se achegue a este mundo.

💭 MENSAXE FINAL

A: Que palabras lles dirías ás persoas novas que queren emprender?

Resposta:

Que o intenten.

Moitas veces a xente dirache que non vai funcionar, que non ten saída ou que non é rendible. Eu tamén escoitei eses comentarios.

Pero creo que neste mundo hai sitio para todos.

Non é fácil, pero hai que seguir adiante. E se algo non funciona, tampouco pasa nada. Temos moitos anos por diante para probar cousas novas.

Sempre repito unha frase que me axuda moito:

«Roma non se construíu nun día».

Todo leva tempo.

Hai portas que se abren e portas que se pechan, pero se fas as cousas con corazón e con ilusión, ao final todo chega.

🪡🪼🌊

Nota final editorial 🌊:

Fíos de Cores non é só unha marca de artesanía.

É unha maneira de entender o tempo.

De entender o territorio.

E de entender que crear, ás veces, non é correr máis rápido, senón aprender a quedar.

← Volver a Ardora
Compartir

Cuando te mueves, creas luz.

Artículos, reflexiones y recomendaciones cada semana.

Unirme gratis