Hai incendios que duran días. As súas consecuencias permanecen durante anos.
O lume desaparece, as noticias pasan, as fotografías deixan de ser recurrentes nas pantallas, e a maioría das persoas volven á súa rutina.
Pero o monte queda atrás. Queda intentando reconstruírse entre a cinza, as árbores queimadas e unha paisaxe que xa non é recoñecible.
Porque un incendio non remata cando se apaga a última chama.
Para moitas persoas, ese é só o principio.
Cando o lume deixa de ser noticia
Durante uns días, Galicia enteira, e incluso España, mira cara o mesmo lugar.
As imaxes do fume cubrindo o ceo, das lapas achegándose ás casas e dos montes convertidos en cinza percorren todos os medios. Falamos do desastre, preguntámonos como puido pasar, sentimos impotencia mentres vemos desaparecer diante dos nosos ollos unha parte da nosa terra, historia, vida. Fogar.
Pero despois chega o silencio.
As noticias cambian. Aparecen outros problemas. A vida continúa para quen pode afastarse dese lugar. Para todo aquel que non lle afecta.
Pero hai persoas para as que non para.
Persoas que seguen pasando todos os días por diante deses montes negros.
Que abren a ventá e xa non atopan a paisaxe que lles acompañou durante toda a súa vida.
Que camiñan por lugares que antes significaban tranquilidade e agora lembran unha perda.
Porque para quen vive aí, as consecuencias durarán anos.
O monte non é só monte
Moitas veces falamos dos incendios en números.
Falamos de hectáreas queimadas, de superficie afectada, de perdas económicas.
Pero hai cousas que non aparecen nas estatísticas.
Porque un monte nunca foi só un conxunto de árbores.
É o lugar onde creceron os nosos pais e os nosos avós. Son os camiños polos que volveron a casa tantas veces. Son os paseos da infancia, os lugares onde aprendemos a coñecer a natureza, as sombras onde paramos a descansar nun día de verán.
Son recordos.
Hai montes que gardaban historias de xeracións enteiras. Lugares que formaban parte da nosa maneira de entender o fogar.
E agora, onde antes había vida, queda unha paisaxe que doe mirar.
Unha vista que durante toda a vida che lembraba que estabas en casa, agora convértese nun recordatorio da destrución.
Nun recordatorio do que nos foi arrebatado.
Porque Galicia non arde. Galicia quéimana.
E quen queima un monte non destrúe só árbores. Destrúe parte da memoria dun lugar. Rouba paisaxes que nunca volverán ser exactamente iguais. Leva por diante fogares, historias e unha parte da identidade de todas as persoas que medraron neles.
O problema non comeza cando aparecen as lapas
O lume é o momento máis visible. Pero os incendios non se solucionan só cando o monte xa está ardendo.
Un monte non se coida durante os días nos que aparece nas noticias. Coídase durante todo o ano.
A prevención, a xestión do territorio e o coidado do rural non poden ser unha resposta de emerxencia cada verán. Porque cada vez que esperamos a que chegue o lume para actuar, xa chegamos tarde.
A pregunta non debería ser só como apagamos os incendios.
A pregunta debería ser: «Por que seguimos permitindo que a nosa terra chegue a este punto?»
Porque Galicia non debería ter que reconstruírse unha e outra vez da mesma ferida.
Porén, a vida sempre intenta volver
A pesar de todo, o monte resiste.
Entre a cinza aparecen pequenos brotes. As primeiras follas volven buscar a luz. A natureza ten unha forza que ás veces parece imposible.
Pero non podemos confundir capacidade de rexeneración con permiso para destruír.
A terra pode volver, pero non debería ter que facelo.
Non podemos esperar a que Galicia arda para lembrar canto a queremos.
Porque un monte non é só o que vemos.
É todo o que vivimos nel.
E se o perdemos, perdemos moito máis que unha paisaxe.