VOLVER EMPEZAR TAMÉN É AVANZAR: STUDIO48

VOLVER EMPEZAR TAMÉN É AVANZAR: STUDIO48

Conversa co fundador de Studio48

Hai proxectos que nacen dunha idea.

E outros que nacen dunha segunda oportunidade.

Falamos co fundador de Studio48, sobre emprendemento, identidade de marca e todo o que se aprende cando descubres que, as veces, volver empezar non significa volver ao punto de partida.

A: Hai unha frase que aparece moito cando se fala de emprender: «hai que atreverse». No teu caso, Studio48 chega despois dunha experiencia anterior que non saíu como esperabas. Que aprendiches dese primeiro intento?

Creo que, ao final, todo suma.

Sempre aprendes algo. Mesmo cando as cousas non saen como esperabas.

É evidente que cando un proxecto non sae como esperabas hai decepción, pero tamén hai moita aprendizaxe. Aprendes que cousas repetirías e cales non, e iso fai que afrontes o seguinte proxecto doutra maneira.

Nunca sentín que fose tempo perdido. Ao contrario.

Foi a base sobre a que puiden construír Studio48.

A: Entón, poderiamos dicir que Studio48 tamén nace de todo o aprendido anteriormente.

Si, totalmente.

Creo que sería imposible separar unha cousa da outra.

Todo o que vivín antes acabou influíndo na forma na que agora traballo e tamén na maneira de entender os proxectos das persoas coas que colaboro.

A: O nome tamén chama a atención. Que significa Studio48?

Quería un nome sinxelo e que tivese relación coa miña forma de traballar.

O 48 fai referencia ás análises que realizo nun prazo aproximado de corenta e oito horas, unha maneira de ofrecer unha primeira visión clara sobre un proxecto e detectar oportunidades de mellora.

E Studio axuda a situar o proxecto dentro do ámbito da identidade visual, o deseño e a comunicación.

Non buscaba algo especialmente enrevesado. Buscaba un nome que tivese sentido.

A: Moita xente pensa que crear unha marca consiste simplemente en facer un logotipo. Ti defendes que hai moito máis detrás.

Si. O logotipo é probablemente a parte máis visible.

Pero unha identidade constrúese moito antes.

Constrúese entendendo quen é esa persoa, que quere transmitir, cales son os seus valores e como quere relacionarse cos demais.

Se todo iso non existe, o deseño queda sen base.

«Antes do logotipo, está a persoa».

A: Como adoita comezar un proxecto contigo?

Falando.

Moita xente pensa que o primeiro paso é abrir un programa de deseño.

Para min é xusto o contrario. Primeiro hai que escoitar.

Entender por que naceu ese proxecto, que historia hai detrás e que sensación quere transmitir.

Só despois ten sentido empezar a deseñar.

A: Hai un momento do proceso que sexa o teu favorito?

Probablemente cando a outra persoa se recoñece no resultado.

Cando sente que aquilo realmente a representa.

É un momento moi bonito porque deixa de ser «o meu deseño» para converterse en «a súa marca».

A: Falabamos durante a entrevista de se unha marca pode separarse completamente da persoa que hai detrás. Ti cres que non.

Creo que non. Sempre queda algo.

A forma de comunicar. De escribir. De tratar aos clientes.

Mesmo as pequenas decisións do día a día.

Todo iso fala da persoa.

Por iso creo que as marcas máis fortes son as que non intentan parecer outra cousa.

«Cada proxecto leva inevitablemente algo da persoa que o crea».

A: Para ARDORA, as raíces, o Atlántico, Galicia, e a nosa historia e cultura en xeral é moi importante para nós. Cres que vivir en Galicia influíu na túa maneira de crear?

Inevitablemente.

O contexto sempre nos marca dalgunha maneira.

Non sei se é unha cuestión de mar ou de montaña, pero hai lugares aos que volves e simplemente te sentes ben.

Iso tamén forma parte da inspiración.

A: Nun momento no que parece que todas as marcas se parecen entre si, que importancia ten atopar unha voz propia?

Para min é fundamental.

Ao final podes seguir tendencias, pero se esqueces quen es acabas facendo algo que podería ser de calquera.

E iso fai que a marca perda personalidade.

A: Xa remantando… Para a xente que nos esté lendo, que consello lle darías a alguén que leva tempo pensando en lanzar o seu propio proxecto?

«Se teñen esa inquedanza... que o intenten».

Nunca vas ter todas as respostas antes de empezar.

Moitas apréndense polo camiño.

E incluso cando algo non sae ben, sempre queda a experiencia.

A: Antes de rematar, gustaríanos facerche a pregunta convertida en reflexión. Que significa para ti comezar de novo?

Significa aceptar que non todo ten que saír perfecto á primeira.

E entender que volver empezar non é retroceder.

É seguir construíndo, pero con todo o aprendido polo camiño.


← Volver a Ardora
Compartir

Cuando te mueves, creas luz.

Artículos, reflexiones y recomendaciones cada semana.

Unirme gratis